sexta-feira, 4 de dezembro de 2009

SOLIDARIEDADE CON AMINATOU HAIDAR

C_4_maincontent_100024765_mediumimage

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol decidiu convocar un acto de solidariedade coa activista saariana Aminatou Haidar quen desde o 15 de Novembro está en folga de fame para reclamar os seus lexítimos dereitos -o seu retorno en liberdade ao Sáhara-, pisoteados polo Goberno marroquino coa lamentábel cumplicidade das autoridades españolas.

Este acto,que por suposto apoiaremos dende Galiza Nova, se celebrará hoxe venres, 4 de decembro as 19:30 horas na praza de Armas de Ferrol coincidindo coa visita que o ministro de Xustiza realiza a nosa cidade e como xeito de reclamar ao Goberno español que encontre a solución a este problema, que desfaga a lea en que el mesmo se meteu.

Para o BNG a solución que se lle pode dar é exactamente a que está a demandar Aminatou Aidar. O Goberno español é cúmplice do que está a pasar. É evidente que actuou con conivencia con Marrocos. Cremos que o Goberno Español ten que exixir con clareza a Marrocos que lle devolva o seu pasaporte á señora Aidar.

Así mesmo e aproveitando a condición de Ministro de Xustiza o BNG considera escandaloso que se impuxera unha multa a Aidar -a instancias da dirección do Aeroporto de Lanzarote- e afirmou con clareza que demostra a falta de sensibilidade das autoridades españolas.

O Bloque Nacionalista Galego continúa a apoiar o dereito de autodeterminación que asiste ao pobo saariano e lamenta que o goberno español, os sucesivos gobernos españois, teñan abandonado esta xusta causa. Para nós o pobo saariano está oprimido por Marrocos e ten perfecto dereito a que se cumpran as resolucións de Nacións Unidas e a ser independente.

quinta-feira, 3 de dezembro de 2009

AUTODETERMINACIÓN !!

12933_1220678930644_1639056146_30617764_3540195_n

Alfonso Daniel R. Castelao afirmaba na súa obra Sempre en Galiza que: “unha nación é unha comunidade estábel, historicamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflexados nunha comunidade de cultura. Somentes a existencia de todos
estes signos distintivos, en conxunto, pode formar a nación”.

É evidente que Galiza é unha nación, mais que non conta con dereitos políticos para poder decidir libremente o seu futuro.O marco constitucional e autonómico vixente nega os nosos dereitos colectivos. Isto impide que poidamos artellar políticas propias a nivel económico na defensa dos nosos sectores produtivos,no desenvolvemento dun marco galego de relacións laborais, no ordenamento e protección do noso medio natural, no impulso das seleccións deportivas propias ou no desenvolvemento da nosa lingua e cultura con normalidade no noso propio territorio.


Hoxe, como vén facendo o nacionalismo galego durante toda a súa historia, opoñémonos á Constitución española porque nega a existencia da nación galega e o dereito de autodeterminación,imprescindíbel para o desenvolvemento do noso futuro e para non estar sometidos á presión ou ás inxerencias alleas á propia vontade das galegas e galegos.
As mozas e mozos galegos non imos celebrar unha Constitución sacralizada polo PP e polo PSOE que, despois de máis de 30 anos, só serve para agravar os nosos problemas: desmantela as bases da nosa economía, provoca uns niveis de paro e precariedade escandalosos entre a xente nova, favorece a destrución dos nosos recursos naturais ou deteriora o ensino público.
Non imos celebrar unha Constitución que lles atribúe ás forzas armadas “a misión de defender a integridade territorial de España”. Non imos celebrar unha Constitución que nos priva de liberdade e dos nosos dereitos democráticos máis elementais, como o dereito a vivirmos en galego. No Estado español non todas e todos somos iguais, nin tampouco todas as linguas e culturas gozan dos mesmos dereitos. Só hai unha lingua, o español, que todas as cidadás e todos os cidadáns “teñen o deber de coñecer e o dereito de usar”.

A nosa lingua propia, ogalego, non conta con este recoñecemento e padece unha discriminación a nivel social e xurídico evidente. Os ataques que a lingua galega está a sufrir por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza veñen amparados por esta desigualdade xurídica da nosa lingua e favorecen a situación de racismo lingüístico que se vive na Galiza. A modificación da Lei de función pública, o uso deturpado da nosa toponimia ou a derrogación do Decreto 124/07 no ensino son algunhas das consecuencias desta desigualdade legal do galego fronte ao español.


Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, somos conscientes de que en Galiza non estamos de aniversario e de que só avanzaremos nos nosos dereitos coa mobilización e a implicación de todas e todos. A defensa da lingua galega significa a defensa de Galiza como nación e, por iso, nas vindeiras semanas as mozas e mozos sairemos á rúa en contra do Partido Popular e das políticas que buscan a eliminación da nosa lingua propia. Así que súmate á defensa
da nosa lingua, súmate á defensa de Galiza!

sexta-feira, 27 de novembro de 2009

25-N DIA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

GALIZA NOVA , como non podia ser doutro xeito,estivo apoiando á Marcha Mundial das Mulleres no acto comarcal contra a violencia de xénero organizado por este colectivo o pasado Mércores 25 de Novembro na praza do Ameneiral, Perlio, Fene.

P1020111

Imaxe da Faixa desplegada por Galiza Nova baixo o lema “ REVIRATE CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO”

quinta-feira, 26 de novembro de 2009

SUBVENCIÓNS AO MOVEMENTO ASOCIATIVO : SOLUCIÓNS XA !!

Dende Galiza Nova Fene, queremos denunciar a actitude de abandono do goberno municipal ao movemento asociativo do noso concello.

A estas alturas de ano, o concello non ten realizada a convocatoria de subvencións cara o presente ano nin ten resoltos os pagamentos das subvencións nominativas do  presente exercicio.

A alarma saltou cando hai tan so uns días o goberno comunicou a través do edil de facenda e a edil de cultura e deportes a imposibilidade de pagar as subvención nominativas para este exercicio o que se contradí totalmente coas verbas do Alcalde ao respecto da escasa importancia de prorrogar as contas do exercicio 2008.

O concelleiro nacionalista Edgar Vigo (anterior concelleiro de cultura) proporá que a concellaría de Cultura e Deportes elabore con urxencia as bases para a convocatoria de subvencións ordinarias do ano 2009. Ao mesmo tempo, os nacionalistas de Fene instarán á alcaldía a pagar as subvencións nominativas que figuran nas bases de execución do orzamento do 2008 e que actualmente se atopa prorrogado.

Para o BNG e  GALIZA NOVA existen solución técnicas e políticas a este problema pero o que non existe é vontade por parte do gobernó local en apoiar decididamente ao movemento asociativo Fenés.Unha vez máis atopámonos coa diferenza latente entre o discurso do alcalde e a realidade.

Desbloqueo Xa ! Moitos dos eventos que se realizan tradicionalmente en Fene non teñen garantido a súa celebración para o vindeiro ano por falla de recursos, algúns de grande éxito como pode ser o FeneRock.

83foto01g Foto do alcalde socialista, Iván Puentes co lema “ Otra Forma de gobernar”

sábado, 14 de novembro de 2009

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

GALIZA NOVA Fene informa da celebración do acto nacional contra a violencia de xénero por mor do Dia internacional da eliminación da Violencia contra as mulleres (25-N).

Será o vindeiro Sábado 21 de Novembro no Hotel AC Palacio do Carme, Santiago de Compostela, a partires das 12.00h.

 

tarxeton25

quinta-feira, 8 de outubro de 2009

QUEREMOS GALEGO !!

GALIZA NOVA FENE apoiará hoxe a ruada que a plataforma QUEREMOS GALEGO organiza en Ferrol esta tarde en defensa da nosa lingua. Será na praza de armas, ás 19.00 h.

queremosgalego_logo

Este será un dos actos previos á gran manifestación popular que terá lugar en Compostela o vindeiro 18 de Outubro.

Para máis información non dubides en visita-la web www.queremosgalego.org

Ficas convidad@

segunda-feira, 10 de agosto de 2009

DIA DA GALIZA MÁRTIR

O vindeiro Venres , 14 de Agosto ás 19.00h no monumento a Alexandre Bóveda en Narón, Galiza Nova de Ferrolterra organiza un acto de homenaxe que contará coa presenza de Iago Varela e Francisco Rodríguez.

Ficas convidado !!

 

convite1