sábado, 16 de outubro de 2010

Non á supresión do Noitebús!!

Galiza Nova de Fene súmase á campaña contra a supresión dos servizos do Noitebús.Somos conscientes do moito uso que se fai deste servizo na nosa comarca

Desde Galiza Nova lembramos que o Noitebús foi unha iniciativa posta en marcha na anterior lexilatura, co impulso do BNG desde a Dirección Xeral de Xuventude, e que agora o PP está suprimindo, “era unha medida social que permitía que a xente nova do rural puidese disfrutar do lecer nocturno de forma segura”, sinalou Iria Aboi. Ademais, as tarifas populares “permitían que moitos mozos e mozas que non teñen coche puidesen utilizar este servizo”.

“Proba do éxito desta iniciativa é que máis de 400.000 mozos e mozas viñan utilizando o Noitebús, e que a propia Dirección Xeral de Tráfico recoñeceu que era un medio eficaz para reducir a sinistralidade de xente nova nas estradas”, afirmou Iria Aboi. Ademais, salientou que “este servizo necesario e eficaz contribuía a crear conciencia na xente nova a favor da utilización do transporte público”.

Neste sentido, a Secretaria Xeral de Galiza Nova denuncia que a decisión do Goberno do PP na Xunta de Galiza de suprimir este servizo “é unha medida antisocial e irresponsábel porque os fondos para loitar contra os accidentes de tráfico non poden deixar de ser unha prioridade para o Goberno Galego”.

Desde Galiza Nova rexeitamos o custo económico como razón para suprimir este servizo, tal e como esgrime o Goberno de Feijóo, xa que só representa o 0,5% do orzamento da Consellaría de Infraestruturas, Territorio e Medio Ambiente.

Desde Galiza Nova denunciamos tamén que Feijóo intentase criminalizar á mocidade galega asegurando que utilizaban o Noitebus para alcoholizarse. En palabras de Iria Aboi: “A xente moza divírtese de moitas formas e non só co alcohol, e moita xente utilizaba este servizo porque non tiña medio de desprazarse ás zonas de lecer; as palabra de Feijoo reflicten unha mentalidade rancia”, asegura.


Galiza Nova está recollendo sinaturas en contra desta medida da Xunta de Galiza.Se te consideras afectado desta medida, ou simplemente nos apoias, contacta con nós para asinar o teu apoio á nosa campaña!

Nenhum comentário:

Postar um comentário