sábado, 16 de outubro de 2010

Non á supresión do Noitebús!!

Galiza Nova de Fene súmase á campaña contra a supresión dos servizos do Noitebús.Somos conscientes do moito uso que se fai deste servizo na nosa comarca

Desde Galiza Nova lembramos que o Noitebús foi unha iniciativa posta en marcha na anterior lexilatura, co impulso do BNG desde a Dirección Xeral de Xuventude, e que agora o PP está suprimindo, “era unha medida social que permitía que a xente nova do rural puidese disfrutar do lecer nocturno de forma segura”, sinalou Iria Aboi. Ademais, as tarifas populares “permitían que moitos mozos e mozas que non teñen coche puidesen utilizar este servizo”.

“Proba do éxito desta iniciativa é que máis de 400.000 mozos e mozas viñan utilizando o Noitebús, e que a propia Dirección Xeral de Tráfico recoñeceu que era un medio eficaz para reducir a sinistralidade de xente nova nas estradas”, afirmou Iria Aboi. Ademais, salientou que “este servizo necesario e eficaz contribuía a crear conciencia na xente nova a favor da utilización do transporte público”.

Neste sentido, a Secretaria Xeral de Galiza Nova denuncia que a decisión do Goberno do PP na Xunta de Galiza de suprimir este servizo “é unha medida antisocial e irresponsábel porque os fondos para loitar contra os accidentes de tráfico non poden deixar de ser unha prioridade para o Goberno Galego”.

Desde Galiza Nova rexeitamos o custo económico como razón para suprimir este servizo, tal e como esgrime o Goberno de Feijóo, xa que só representa o 0,5% do orzamento da Consellaría de Infraestruturas, Territorio e Medio Ambiente.

Desde Galiza Nova denunciamos tamén que Feijóo intentase criminalizar á mocidade galega asegurando que utilizaban o Noitebus para alcoholizarse. En palabras de Iria Aboi: “A xente moza divírtese de moitas formas e non só co alcohol, e moita xente utilizaba este servizo porque non tiña medio de desprazarse ás zonas de lecer; as palabra de Feijoo reflicten unha mentalidade rancia”, asegura.


Galiza Nova está recollendo sinaturas en contra desta medida da Xunta de Galiza.Se te consideras afectado desta medida, ou simplemente nos apoias, contacta con nós para asinar o teu apoio á nosa campaña!

domingo, 3 de outubro de 2010

A asemblea local do BNG aposta polo independente Juventino Trigo para encabezar a candidatura á alcaldía de Fene

Juventino Trigo Rey encabezará a candidatura do BNG de Fene de cara as municipais do 2011, a Asemblea local do BNG reunida o venres 17 de setembro apoiou a iniciativa do Consello local para a elaboración da candidatura unanimemente. Na proposta realizada para encabezar a lista das municipais figura o independente Juventino Trigo.

O consenso no seo do BNG entorno á proposta de Juventino Trigo foi total. Juventino Trigo amosouse moi orgulloso de encabezar a candidatura nacionalista e “moi ilusionado ante o repto de recuperar a alcaldía para o BNG”
O perfil do candidato á alcaldía de Fene polo BNG é o que os veciños e veciñas necesitan para sacar a Fene da parálise e a desatención dos últimos tres anos. Juventino Trigo de 48 anos de idade, é asesor de empresas, sendo o titular da Asesoría Perlío. Foi aprendiz en Astano el logo traballador do estaleiro, nesta época de finais dos anos 70 participou na creación do sindicalismo nacionalista e da propia ANPG, xermolo do actual BNG. Na crise dos anos 80 fórmase estudando Graduado social para posteriormente montar a asesoría que dirixe ate a actualidade. Con ampla experiencia na xestión é coñecido pola seriedade e o rigor no seu traballo. Na actualidade é secretario da Asociación de comerciantes O cruceiro na que se aglutina a meirande parte dos negocios do concello.

Na proposta do Consello Local para a candidatura barállase a continuidade dos concelleiros e concelleiras do actual grupo municipal aínda que non se descarta a incorporación de caras novas. O resto da candidatura está sen pechar, aínda que se están a facer contactos coas persoas máis dinámicas do concello para facer unha candidatura que ilusione e reactive ao pobo de Fene. A aprobación definitiva das candidaturas nacionalistas farase a mediados de novembro onde o BNG dará conta da totalidade da candidatura.
O consello local nacionalista tamén quere dar a coñecer que vai inciar un intenso traballo de contacto social e de participación da cidadanía tanto na elaboración do programa como na confección da candidatura. Ambos obxectivos contaran con especial atención ao que nos diga a xente.