sábado, 30 de maio de 2009

CHARLA NAS PONTES

oZbwsW9krdT9JSFT2F2.0

Galiza Nova Fene estivo presente na charla – debate organizada polos compañeiros de GN As Pontes sobre Boloña e o novo marco da educación universitaria europea.

A Casa Dopeso de As Pontes acolleu esta iniciativa para informar a tódolos moz@s , pero tamén a tódolos pais e nais sobre o novo modelo de universidade que se vai impoñer.

O acto foi un éxito de público e participación da cidadanía pontesa, e contou coa participación de tódolos colectivos implicados, os estudantes,a universidade e o profesorado, neste caso da universidade da Coruña, por ser a máis próxima á localidade pontesa.

Dende Galiza Nova de Fene, mostramos o noso apoio e a nosa ledicia porque este tipo de actos se leven a cabo, e aproveitamos estas liñas para felicitar ós compañeiros das pontes pola iniciativa e o éxito de organización do mesmo.

sexta-feira, 29 de maio de 2009

GALIZA NOVA, IRATZARRI, JERC

Galiza Nova, Iratzarri e Jerc, mocidades do BNG, Aralar e ERC asinan un manifesto común de cara ás vindeiras eleccións europeas do 7 de xuño.

GaleuscatO próximo mes de xuño todas as cidadás e todos os cidadáns maiores de 18 anos dos 27 Estados integrantes da Unión Europea estamos chamados ás urnas coa finalidade de renovar a representación das deputadas e dos deputados que integran o Parlamento Europeo.
Ao longo da súa historia o mapa político europeo sufriu múltiples modificacións debido aos novos contextos políticos, económcios e sociais que mudaron a realidade política dos estados europeos e as súas fronteiras. De feito, vemos coma nos últimos 20 anos foron creados até 17 novos estados. O exemplo máis actual atopámolo en Montenegro, país non integrante da UE, que no ano 2008 exerceu un proceso de autodeterminación a partir das regras que fixou a propia UE.
A UE non pode continar obviando esta realidade dinámica negando o recoñecemento da identidade política, cultural e lingüística de todos os pobos de Europa a través de mecanismos claros e transparentes baseados nun proceso político de autodeterminación, dereito colectivo fundamental recollido na Carta das Nacións Unidas, mediante o cal a poboación dun territorio sexa soberana para decidid o seu futuro.
É necesario insistir en que a UE recoñeza o dereito a decidir dos pobos como un dereito básico elemental e un instrumento que asegure a democratización das institucións europeas e a adecuación da realidade política europea, incluídas as fronteiras, coa vontade dos pobos que a conforman.
Polo xeral, as eleccións europeas non suscitaron moito interese na cidadanía europea. Os factores que explican esta situación son diversos, mais un determinante é a sensación entre a cidadanía de que todo aquilo que se fala e se aproba no Parlamento Europeo parece non ter ningunha repercusión directa sobre as súas vidas, sumado a unha sensación de lonxanía debido á pouca importancia e seriedade coa que se aborda por parte dos medios de comunicación e a escasa información sobre as súas funcións e acordos políticos.
O Parlamento Europeo, que conxuntamente co Consello da UE forma a pola bicameral lexislativa das institucións da Unión é un parlamento de carácter consultivo sen iniciativa lexislativa, pero pode presentar emendas e posee dereito de veto en cuestións relacionadas coas competencias cedidas polos estados, relativas, por exemplo, á protección do medio ambiente, dereitos dos consumidores/as, igualdade de oportunidades, política de transportes e dereitos das traballadoras e dos traballadores, políticas sobre capitais, bens e servizos. Porén, as propostas de leis e directivas da comisión teñen que ser aprobadas polo parlamento e polo consello para poder entrar en vigor. Deste xeito podemos ver que é certo que a influencia directa do parlamento europeo sobre as regulacións da vida pública e privada son, en relación cos parlamentos estatais, limitadas.
As diferentes organizacións xuvenís que conformamos a Europa dos Pobos cremos que é moi importante a implicación da mocidade das nosas nacións nas eleccións europeas para conquerir unha maior representación da coalición no parlamento europeo, coa finalidade de orientar Europa cara outro sentido. Desde o seu inicio, o requisito indispensábel dun territorio para formar parte da Unión Europea  foi estar conformado como un estado. Deste xeito imposibilítase a participación das nacións sen estruturas estatais na discusión dos asuntos públicos europeos nun marco de igualdade co resto das nacións. Os Països Catalans, Galiza, e Euskal Herria son hoxe nacións sen estado, e polo tanto non teñen representación por si mesmos no Consello de Europa, senón que son os presidentes e ministros dos estados Español e Francés os que os representan, non respostando así ás arelas, desexos e necesidades que como pobos diferenciados temos. Por isto dende a candidatura da Europa dos Pobos, Galiza Nova, Iratzarri e as JERC cremos que é necesaria a construción dunha Europa respectuosa coa diversidade nacional, cultural e lingüística.
Para isto tense que posibilitar un maior prtagonismo das nacións que están na mesma situación cás nosas a través do recoñecemento do dereito á autodeterminación dos pobos que xa forman parte da Unión Europea. Deste xeito as nosas organizacións apostamos polo recoñecemento político dos Països Catalans, Galiza e Euskal Herria no seo da UE a partir do exercicio do dereito á autodeterminación, para poder decidir libremente o noso futuro.
Neste sentido, Iratzarri, Galiza Nova e as JERC tamén queremos manifestar o noso compromiso cunha Europa respectuosa cos dereitos e liberdades democráticas, cunhas relacións internacionais baseadas na paz e na relación igualitaria entre todos os pobos do mundo, opoñéndonos ao imperialismo e pulando por un modelo social que poña por encima dos intereses económicos o benestar das persoas.
Reivindicamos un modelo social que se basee na xustiza social e que faga posíbel a cobertura das necesidades das cidadás e dos cidadáns mediante a protección social e os servizos públicos (atención sanitaria, vivenda, educación...).
As políticas neoliberais están acabando cos dereitos sociais conqueridos a través da mobilización da clase traballadora e da sociedade en xeral, procurando eliminar o mínimo de seguridade e estabilidade a todas as cidadás e cidadáns.
Cremos que se demostrou o fracaso do modelo neoliberal e que é necesario un modelo alternativo a favor das clases populares, compartindo no seo da Unión en contraste a outros sistemas de “protección” onde a individualidade é a característica propia das políticas (como o dos Estados Unidos de América).
En consecuencia, as organizacións asinantes deste manifesto fan unha aposta por unha orde económica e social xusta e solidaria, contraria ao imperialismo, que condena o sometemento, expolio, marxinación, negación e incluso ocupación de moitos pobos do mundo. Apostamos por unha Europa das e dos traballadores, que democratice a economía e redistribúa a riqueza, unha Europa con xustiza social.
Así mesmo, desde a perspectiva xuvenil e tendo en conta a crise económica actual, fai falla unha coordinación na protección social da mocidade como un dos colectivos máis afectados polo desemprego, a inestabilidade e a precariedade laboral e a imposibilidade de desenvolver un proxecto de vida propio libremente.
Por todo isto, Galiza Nova, Iratzarri e as JERC, como organizacións xuvenís da coalición da Europa dos Pobos, propoñemos as seguintes propostas programáticas conxuntas que van nos respectivos programas electorais que fixeron as diferentes formacións xuvenís:
-A adopción de medidas concretas a favor do emprego digno e estábel cuns salarios dignos para a mocidade que teñan como obxectivos:
a) Eliminar a estrutural precariedade do emprego xuvenil, limitando de xeito  garantista as modalidade de contrato temporale poñendo en marcha medidas para a supresión das Empresas de Traballo Temporal a nivel europeo.
b) A defensa dunha política de creación de postos de traballo sobre a base do desenvolvemento endóxeno das diferentes economías nacionais que garantan as posibilidades de traballo no propio territorio, especialmente nos sectores produtivos básicos das diferentes nacións.
c) Pularemos para o estabelecemento das 35 horas semanais a nivel europeo para repartir o traballo e mellorar a produtividade.
d) Estabelecer unha fórmula común de cálculo do salario mínimo a nivel europeo para garantir a percepción dun salario digno.
-Recoñecemento pleno do dereito da mocidade a traballar, estudar e vivir no seu propio territorio, como principio rector das políticas para facer fronte ao fenómeno da emigración xuvenil, mudando a actual consideración positiva da mobilidade xeográfica, emigración encuberta, no seo da UE.
-As organizacións xuvenís das forzas políticas da coalición apostamos por unha política universitaria baseada na consideración da universidade como un sevizo público esencial e o dereito como pobo a definir o noso sistema educativo en función das nosas condicións e necesidades, unha política claramente antagónica á mercantilización, elitización, uniformización e españolización da universidade, que supón o actual modelo de EEES.
-Defensa dunha política lingüística e cultural europea que garantice realmente a defensa, igualdade e normalización das culturas e oficialización das linguas minorizadas de todas as nacións sen estado existentes na UE, prestando especial atención á situación desas linguas e culturas entre a xente nova e a garantía dos dereitos lingüísticos e culturais, sobre todo en eidos como o ensino.
-As organizacións xuvenís da coalición apostamos pola extensión de dereitos e liberdades en todos os territorios europeos especialmente no recoñecemento e garantía á interrupción voluntaria do embarazo libre e gratuíta. Tamén consideramos necesarios programas de fomento e respecto das diferentes opcións sexuais, identidade de xénero-sexual, contra o racismo e a xenofobia, o fomento da paz, a non violencia e o antiimperialismo, e a aposta por un modelo económico e social sustentábel.
As organizacións xuvenís da coalición apoiamos a presenza das nosas nacións nas actuais redes de información xuvenil a nivel europeo e instamos á modificación das súas funcións de xeito que deixen de ser instrumentos propagandísticos de politización no modelo actual da UE.
Neste senso, apostamos por garantir o pluralismo, a eficiencia e as facilidades no acceso á información de maior interese xuvenil por parte do asociacionismo xuvenil, prestando especial atención á difusión e perticipación das organizacións xuvenís das nacións sen estado.
Porque outra Europa é necesaria, para levar a voz da mocidade de Galiza, Països Cataláns e Euskal Herria, facemos un chamamento á xente nova das nosas nacións a que apoie a candidatura impulsada por ERC, BNG e Aralar: Europa dos Pobos – Verdes e para que o próximo día 7 de xuño se mobilicen e participen nas eleccións votando por unha Europa dos pobos, social e democrática.

quinta-feira, 28 de maio de 2009

PLAN BOLOÑA

Dende Galiza Nova de Fene, informamos a tódolos moz@s de que mañá venres 29 de maio ás 20.00h na Casa Dopeso de As Pontes ,os compañeiros de Galiza Nova da localidade, organizan unha charla-debate para abordar o Proceso de Boloña.

Cangrejo_noabolonia
O acto contará coa presenza de Marcos Loureiro (Responsábel Nacional dos Comités), Elena Sierra (Vicerreitora de Novas Tecnoloxías e Calidade) e Xulio Ferreiro (Responsábel Nacional da CIG-Ensino).

Ficades todos e todas convidados.

Para máis información, podedes contactar cós compañeiros das Pontes no enderezo :

galizanova.aspontes@gmail.com

quarta-feira, 27 de maio de 2009

12 Lúas

Galiza Nova de Fene pon en coñecemento de tódolos mozos e mozas Feneses un interesante obradoiro que se desenvolverá en compostela o vindeiro mes de Xuño.

O colectivo tecnolóxico-cultural 12 Lúas está a presentar estes días o Obradoiro Experimental Lueiro (iniciación ao gravado e ás novas tecnoloxías).

roteiro_de_cracion-85941A actividade se realizará nos seguintes emprazamentos composteláns:

-O Taller do Paraná (para o gravado, os días 1, 5 e 6 de xuño)

- Casa da Asociacións/Antiga Estación de Cornes (para as novas tecnoloxías, os días 10, 11 e 12 de xuño).


Esta dirixido a moz@s maiores de 12 anos e terá un prezo de 40 € por persoa.

O obxetivo será  ofrecer a todas e todos os participantes o escenario máis axeitado para iniciarse na era dixital a partir do gravado e viceversa. Máis polo miúdo, consistirá en formar un mural con todo o que as persoas inscritas desenvolvan a partir do gravado, interrelacionar unhas obras con outras e logo transformalo todo ao dixital. “A arte en todo o seu contexto e con a axuda do público, dará vida a unha obra creada baixo o lema de comunidade”, sinalan os responsables da iniciativa, o grupo 12 Lúas de creación cultural baseada nas novas tecnoloxías de balde de Internet (YouTube, Mindtouch Deki Wiki, Blogspot, Google Mail, Archive.org, Flickr e Facebook) coas licenzas Creative Commons.


Por certo que a actividade que presentan estes días desenvolverase coas xornadas do Roteiro de Creación que organizan os integrantes do Laboratorio de Creación Artística (LCA).

 

Para máis información e inscripcións :

12luas@gmail.com

http://12luas.blogspot.com/2009/05/informacion-obradoiro-experimental.html

terça-feira, 26 de maio de 2009

VOTO POR CORREO

voto x correo europeas 09 O vindeiro 7 de Xuño celébranse as eleccións Europeas. Para Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, estas son unhas eleccións moi importantes porque durante estes anos Galiza non estivo representada directamente, nunhas institucións onde se van tomar decisións fundamentais para o futuro do noso país. Queremos contar co teu apoio para facer que Galiza, a través da representación do BNG, teña voz e voto en Europa. Para que as galegas e galegos esteamos representados e poidamos defender unha Europa dos pobos e democrática, que recoñeza a diversidade nacional, cultural e lingüística. Para impulsar unha Europa social e xusta contraria ao modelo neoliberal que causou a actual crise económica e a reforma do ensino a través do Plan Boloña. Para defender os nosos sectores productivos (o agro, a pesca, o naval…) como xeradores de emprego e riqueza na Galiza. É por iso que precisamos do teu apoio ao BNG, para avanzar nas necesidades e aspiracións da xente nova: no dereito a un traballo digno na propia Terra, no dereito a un ensino público, galego e de calidade, no recoñecemento oficial do galego na UE… Por iso che pedimos o teu apoio: para que ti contes, para que Galiza conte!!

Se vas estar noutra localidade do Estado Español diferente de onde che corresponde votar, podes votar por correo:

1. Ata o 28 de maio, vai a calquera oficina de correos co Documento de Identidade, e cubre o modelo para solicitar o certificado de inscrición no censo electoral. O enderezo que indiques será a onde che envíen toda a documentación.

2. Do 18 ao 31 de maio, remitiranche a documentación para poder votar ao enderezo que indicaches (certificado de inscrición, papeletas e sobre electoral, enderezo da mesa onde che corresponde votar e folla explicativa de todo o proceso).

3. Con esta documentación elixe a papeleta de voto e introdúcea no sobre de votación, logo métea noutro sobre co enderezo da mesa electoral, xunto coa inscrición no censo.

4. Ata o 3 de xuño tes de prazo para enviala por correo certificado e urxente.

*TODO O PROCESO É DE BALDE.

*UNHA VEZ QUE SOLICITAS O VOTO POR CORREO (AÍNDA QUE DESPOIS DESISTAS) IMPIDE O VOTO PRESENCIAL NA MESA ELECTORAL O DÍA DAS ELECCIÓNS.

ÁNIMO E ADIANTE CÓ BNG!!!

----------------------------------------------------------

LEMBRADE, HOXE ÁS 20.30H NA CASA DA CULTURA DE FENE, ACTO SOBRE NAVAL CON FRANCISCO JORQUERA E HELENA VEIGUELA.

segunda-feira, 25 de maio de 2009

DENDE FENE…

banner_200x535Benvid@s ó noso espazo na rede , onde daremos conta das nosas inquedanzas e actividades tanto no noso concello, na comarca ou mesmo por todo o país.

Como sabedes, andamos en plena campaña das europeas 09, mañá teremos a oportunidade en Fene de asistir a un acto moi interesante para todo o concello, pero especialmente para nós, os mozos e mozas.

Será o Martes 26, as 20.30 h na casa da cultura, onde Francisco Jorquera, e Helena Veiguela falarán sobre o sector naval.

Sen máis , quedades tod@s convidados.

 

Etiquetas de Technorati: ,,,,